ASOCIACIÓN EX-MARINOS DE NORUEGA |
LIDIA SENRA.En resposta á carta enviada no mes de xaneiro por Lídia denunciando a situación dos 10.000 mariñeiros galegos -12.000 en todo o Estado- aos que o Goberno de Noruega estalles a negar o reintegro das cotizacións realizadas durante anos, a Comisaria europea de Emprego, Asuntos Sociais, Capacidade e Mobilidade Laboral, Marianne Thyssen, vén de ratificar a AGEe a pertinencia de facer valer o Art.n°16 do Regulamento (CE) n°883/2004, -que "confire ás autoridades competentes dos Estados membro a posibilidade de celebración de acordos bilaterais en interese de determinadas persoas ou categorías de persoas"-, tal e como llo ten trasladado a propia Lídia á primeira ministra norueguesa Erna Solberg e á Alta Representante da Unión para Asuntos Exteriores e Política de Seguridade, Federica Mogherini . Non obstante, a deputada AGEe lembra que dito regulamento non so abre a posibilidade deste diálogo entre os dous Estados, senón que establece claramente que "toda prestación que non tivera sido liquidada ou que fora suspendida a causa da nacionalidade ou da residencia da persoa interesada será, a petición desta, liquidada ou restablecida", polo cal entende que a Comisaria "debería utilizar o marco das relacións con Noruega para incidir no cumprimento desta norma". Na súa resposta, a Comisaria Thyssen apunta tamén a pertinencia do proceder dos mariñeiros afectados, deixando claro que os mariñeiros do Estado que traballaron en navíos noruegueses antes do 1994 "non puideron" afiliarse ao réxime noruegués debido ás propias leis do país, que lles esixía ser residentes no mesmo. Así, e malia a reiterar que a Comisión "non ten poderes para obrigar a Noruega a aceptar retroactivamente a estes mariñeiros no seu esquema" e remitir á comunicación enviada pola Comisión ao Parlamento no ano 2010 , a Comisaria de Emprego trasladou a Lídia Senra a súa sensibilidade con respecto á "situación difícil" destes mariñeiros. De feito, na súa resposta, Thyssen alega "razóns de xustiza social" para sinalar que as autoridades competentes españolas e norueguesas poderían, "establecer contactos con vistas á celebración dun acordo bilateral en interese dos traballadores en cuestión", subliñando tamén que a Comisión "defende a conclusión de tal acordo". Reforzando o recoñecemento por parte da Comisión da situación padecida por estas persoas por mor da falta de vontade política dos Gobernos noruegués e español, a Comisaria de Emprego quixo poñer en coñecemento da deputada galega "un caso semellante", o dos mariñeiros austríacos que traballaron en buques holandeses antes de que Austria se adherira á UE, recentemente presentado ao Tribunal de Xustiza da Unión Europea -caso C-465/14 Wieland-, indicándolle expresamente a Senra que "se o Tribunal falla en favor dos demandantes, isto será de gran interese para os mariñeiros do Estado que traballaban en navíos noruegueses", e comprometéndose a mantela "informada sobre o desenvolvemento relativo a este caso". Para a Lídia Senra, estando xa totalmente clara a posibilidade de chegar á resolución desta situación a través dun acordo entre Gobernos, e dado que 10.000 das 12.000 persoas afectadas son galegas, "o Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, debe empregar inmediatamente tódolos recursos dos que dispón para forzar ao Goberno español a asumir as súas responsabilidades e dar os pasos precisos para abrir unha vía de diálogo resolutivo co Goberno noruegués". |